O noso proxecto educativo busca ser unha escola para a vida, con espazos axeitados e adaptados que potencian un clima cálido, acolledor e seguro para propiciar a comunicación e as habilidades sociais.

O noso modelo educativo entende a educación infantil como unha etapa educativa con IDENTIDADE PROPIA, e tan importante, ou máis, que calquera das outras etapas.

O noso proxecto enmárcase nunha liña educativa vivenciada, incidindo na importancia do xogo e no pracer de aprender, e vaise enriquecendo día a día coa achega de autores como Loris Malaguzzi, Gardner, Tonucci…

Non nos definimos como fieis a un único método e quizais iso é o que nos diferencia, e onde está a nosa esencia. Traballamos dende unha perspectiva integradora tomando o que máis nos gusta da pedagoxía de María Montessori, da teoría do movemento libre de E. Pikler, da forma de entender a infancia e os procesos das escolas Waldorf e quizais, como compendio de todo e tomando como referencia principal na nosa liña de traballo o enfoque educacional das Escolas Reggio Emilia, coas que nos sentimos plenamente identificadas e que nos inspira no noso día a día.

A nosa liña metodolóxica caracterízase por ser activa, creativa, participativa e vivencial. A educación emocional, a autoestima, sentirse personiñas queridas, valoradas e escoitadas, están dentro do noso proxecto educativo, como piares indispensables para axudar na maduración persoal e no aprendizaxe diario.

«O neno ten cen linguaxes, cen mans, cen pensamentos, cen formas de pensar, xogar e falar, cen sempre cen formas de escoitar, de sorprender, de amar, cen alegrías para cantar e comprender» (Loris Malaguzzia)

A nosa forma de traballar baséase na vida cotiá da escola e da casa, na observación e experimentación, dando cabida á incerteza, á intuición, á curiosidade e ao xogo; e nesta investigación, dando lugar á comparación e ao intercambio de conclusións. É así cómo se vai formando o proceso de aprendizaxe.

Procuramos que cada día teñan un espazo de Sentir, outro de Pensar e outro de Facer, e así levar un traballo equilibrado nas 3 liñas de desenvolvemento.

Nesta idade é fundamental o vínculo de apego que establecen os nenos e as nenas con nós. A nosa prioridade é á observación das súas necesidades, tanto dos propios nenos e nenas como das familias, o que fai de Bule Bule un espazo onde é doado crecer e a segunda casa para os seus habitantes.